Lingua e identidade: revisión das categorías neofalante e falante nativo

Abstract

Traballo Fin de Grao en Lingua e Literatura Galegas. Curso 2018-2019O traballo que pretendo desenvolver busca abordar o estudo das categorías neofalante e falante nativo de galego dende unha perspectiva sociolingüística, por unha banda, e dende a óptica da análise do discurso, pola outra. Tradicionalmente, a lingüística galega considerou estas dúas categorías como compartimentos pechados e estancos, o cal trouxo consigo unha serie de problemas, fundamentalmente no ámbito práctico, como poden ser as dificultades para a delimitación de perfís dos informantes. Pois ben, este traballo busca cuestionar a dita división tradicional tomando como marco teórico a Sociolingüística Interaccional e analizando os procesos de construción e negociación da identidade no desenvolvemento das interaccións. Así pois, preténdese demostrar que as categorías arriba mencionadas non preexisten, senón que, pola contra, emerxen no discurso. Para a realización deste traballo, búscase desenvolver unha comparación entre o perfil sociolingüístico das persoas seleccionadas para o estudo e o modo no que estas actualizan as súas construcións identitarias na interacción. Os datos correspondentes ao perfil sociolingüístico obteríanse mediante unha enquisa na que se preguntará polos parámetros sociais e sociolingüísticos máis importantes, mentres que os datos que nos permitan analizar as identidades procederán de conversas gravadas nas que participen e interaccionen membros dos dous grupos que estamos a tratar. Espérase que os resultados obtidos contribúan a reinterpretar determinados aspectos sociais, culturais e mesmo ideolóxicos que se asocian tradicionalmente aos distintos perfís de falantes

    Similar works