research

Entre o uso e a norma. O proxecto de Gramática da Real Academia Galega

Abstract

En novembro de 2000, a Real Academia Galega fíxolle o encargo da redacción da gramática da institución ao equipo de gramática do ILG constituído polos asinantes desta comunicación. Ben entendido que no seo do ILG hai outros investigadores que tamén se ocupan de cuestións gramaticais, cos que mantemos unha relación de colaboración fluída, pero este equipo así conformado ten tras si unha xa longa experiencia de traballo conxunto, desde o momento en que eramos os cinco profesores que tiñan o encargo das materias de Gramática Galega (I e II) no antigo plano de estudos de Filoloxía Hispánica (Galego-portugués), pasando por trienios sucesivos dedicados aos proxectos de investigación en Gramática descritiva (1995-1997) e Sintaxe descritiva (1998-2001). A asunción do encargo implicaba, para a RAG e para o equipo, a colaboración no proxecto de Antón Santamarina (na altura director do Seminario de Gramática da RAG), en parte como coordinador e supervisor da obra, en parte como fornecedor de materiais das bases de datos do seu proxecto para podermos fundamentar a descrición. No marco deste simposio asumimos a tarefa de expoñer con que criterios cremos que se deben seleccionar e integrar os trazos sometidos a variación lingüística nunha gramática que se presenta como descritiva; e facelo sobre a base da experiencia de nos termos que enfrontar decote con problemas desta natureza na redacción da gramática dunha institución á que, desde a fundación, se atribúe unha orientación e autoridade prescritivas

    Similar works