Este traballo pretende analizar onde se sitúa a profesión enfermeira que se encontra
inserida dentro dun sistema dominado polo modelo biomédico e no que os coidados
consisten na aplicación de técnicas aprendidas.
O obxectivo planeado consiste en explicar a actividade profesional enfermeira no
momento actual e maila súa proxección de futuro, dende o punto de vista do influxo
da cultura dos usuarios a fin de que estes sexan o cerne real dos coidados profesionais,
actuando como individuos activos no seu proceso de saúde. Para elo analízanse
diferentes items como o xénero, a imaxe dos profesionais, a xerarquía nos coidados ou
a importancia do tempo e do espazo no momento de realizalos.
O estudo é exploratorio cualitativo empregando a metodoloxía etnográfica para a
recollida de datos que son analizados dende a fenomenoloxía.
O campo no que se realizan as pescudas está delimitado xeograficamente dentro da
Área de Xestión Integrada Lugo, Cervo e Monforte do Servizo Galego de Saúde,
analizando tanto institucións públicas como privadas nas que se practica asistencia
clínica e de formación de profesionais sanitarios.
As unidades de análise empregadas están formadas pola visión que usuarios e
profesionais teñen da enfermaría, tanto directamente como a través das diferentes
canles de comunicación social, así como sobre o presente e o futuro da profesión.
A enfermaría realiza coidados humanísticos pero só o pouco que lle permite o modelo
actual, motivo polo que deberá afianzarse na súa autonomía e na importancia de
conseguir un canon que contemple a faceta cultural dos usuarios, camiñando así cara
un modelo holístico e interdisciplinar. Na consecución destas metas deben intervir os
profesionais de enfermaría dende os diferentes ámbitos nos que se exerce a profesión,
xa sexa docente, de xestión, investigación ou clínica