Traballo de Fin de Grao en Filoloxía Clásica. Curso 2015-2016Os obxectivos deste traballo, titulado Relixión mistérica e ficción literaria na Antigüidade: Os Cretenses de Eurípides, serán, por unha parte, esclarecer o contexto relixioso que encadra tal traxedia, e por outra, afondar na importancia cada vez maior que se lle outorga aos cultos mistéricos como un modelo de sabedoría do que parte a filosofía antiga e tamén a poesía, entendida como σοφία. O fin último do traballo é, polo tanto, comprobar ata que punto os avances dos últimos tempos dos estudos sobre orfismo, é dicir, sobre doutrinas relixiosas místicas e a súa interpretación nos tempos antigos, permiten definir mellor o papel que xoga o culto mistérico nas obras literarias grecolatinas.
Para isto, será necesario facer un análise textual e conceptual pormenorizado daqueles fragmentos de Cretenses, eixo central do presente traballo, que resulten apropiados para tales obxectivos, sendo neste caso, o primeiro e o sétimo. A devandita traxedia compararase tamén, cando sexa oportuno, con outras obras do mesmo autor, así como con aqueles textos que poidan ser de axuda para esclarecer o tema e o contexto do mesmo. Ademais deste estudo da traxedia, usaranse outros textos e documentos para afondar na relación entre poeta e misterios, tocando tamén temas como a música e as musas, unión significativa entre ambos puntos.
O traballo pode dividirse en dúas partes a nivel global: a primeira, centrada no análise dos textos, e a segunda, onde se afonda no estudo da relación entre Musas, Música e Misterios