Abstract

Nos tempos que corren póñense cada vez máis en evidencia as carencias e deficiencias do sistema educativo formal que precisa, para a súa superación, a busca de novas vías que fagan da escola un espazo de aprendizaxe, crecemento e desenvolvemento individual e colectivo, efectivo e eficaz. Nesta liña, a incorporación aos centros escolares dos e das profesionais da Educación Social ha de ser un paso relevante que implique unha mellora significativa nas intervencións educativas. En realidade non se trata unicamente de introducir un perfil profesional máis no sistema educativo, senón que o obxectivo é a mellora das decisións que en cada escola se deben adoptar día a día. A partir desta aposta clara, hai un tempo que un grupo de persoas decidimos organizar un congreso que nos proporcionase unha visión global, mesmo internacional, do que estaba acontecendo neste eido na última década, e das accións que poderían encamiñarse, e que posibilitase o establecemento de canles de comunicación, de exposición de experiencias, de reflexión e de aprendizaxe sobre a relación educación social-escola, desde perspectivas e contornos diferentes. Así, finalmente o 30 de setembro e o 1 de outubro de 2016 puido celebrarse na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense o I Congreso Internacional (e III Xornadas) de EDUCACIÓN SOCIAL E ESCOLA, por iniciativa do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) e o movemento galego de renovación pedagóxica Nova Escola Galega (NEG), que contaron co apoio das tres universidades galegas, a Sociedad Iberoamericana de Pedagogía Social, o Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales (España), a Associação dos Profissionais Técnicos Superiores de Educação Social (Portugal), a Associação dos Educadores e Educadoras Sociais do Estado de São Paulo (Brasil), e a Deputación Provincial de Ourense, alén doutras colaboracións menores doutras institucións e entidades. Obviamente o congreso non sería posible sen a contribución desinteresada de moitas persoas e colectivos que, desde o papel máis ou menos visible que a cada cal lle correspondeu (comité organizador, comité científico, secretaría técnica, corpo de estudantado voluntariado, etc.), decidiron sumarse ao ilusionante obxectivo de facer do encontro un evento da máxima calidade. Por fortuna, a nosa convocatoria espertou notable interese entre os colectivos afectados, e proba disto foi a recepción de máis de 50 comunicacións de temáticas moi diversas, que remarcaban todas elas a función profesional imprescindible que xa están desenvolvendo as educadoras e educadores sociais no ámbito escolar en numerosas xeografías e, sobre todo, as potencialidades que xorden da colaboración co profesorado e os equipos docentes. Temos que destacar especialmente o amplo perfil profesional das persoas que presentaron comunicacións: profesorado de distintas etapas, educadores e educadoras sociais, equipos interdisciplinares, estudantes e profesorado universitario, etc. No congreso puidemos saber das experiencias que se están a levar a cabo en Galiza e no resto do Estado, e tamén a nivel internacional; fomos coñecedores das realidades coas que se atopan as diferentes entidades, relacionadas cos centros, cos alumnos e alumnas con necesidades educativas especificas de apoio educativo, cos colectivos máis desfavorecidos, é dicir, coas necesidades que ten o sistema educativo galego e do resto do Estado Español. O evento completouse coa realización de diversos obradoiros e a presentación de pósters que incidiron no xeito práctico da colaboración entre os diferentes axentes. En suma, en Ourense déronse cita máis de 100 profesionais que, coa súa presenza e participación nos debates, pretenderon sumar esforzos cara á consecución do obxectivo que os reunía: acadar a plena incorporación da figura da educadora ou educador social ao sistema educativo, como axente indispensable para a mellora da calidade na educación. Precisamente o libro que a lectora ou lector ten nas súas mans é o resultado do devandito congreso, das reflexións que alí se manifestaron, dos materiais presentados e das conclusións ás que naquel espazo se chegou. Este compendio organízase en seis bloques temáticos. En primeiro lugar, un bloque que trata a panorámica da situación na que se encontra a relación educación social-escola a nivel mundial. En segundo lugar, un percorrido pola situación en Galiza, xunto con algunha das experiencias que se están a levar a cabo. No terceiro bloque, a conxuntura da formación inicial para a intervención das e dos educadoras/es sociais no sistema educativo, é dicir, a visión desde a formación das/dos educadores sociais e das/dos mestres na nosa Comunidade Autónoma. Xa en cuarto lugar, as achegas dos diferentes axentes educativos que interveñen na interacción entre a escola e a educación social. Continúase nun quinto apartado coas áreas emerxentes na intervención socioeducativa na escola e nun sexto bloque coas diferentes estratexias para a dinamización das relacións entre a educación social e a escola, onde podemos achegarnos a diferentes experiencias que relacionan ambos mundos. Todas estas achegas e reflexións lévannos á última contribución da obra, tamén unha especie de epílogo do congreso, na que as dúas entidades promotoras realizan unha análise da situación actual e as súas propostas de futuro. Con este libro, en definitiva, CEESG e NEG queremos poñer os relatorios, as intervencións e as comunicacións ofrecidas no congreso libremente a disposición de todas as persoas e institucións interesadas e implicadas en facer e defender un sistema educativo de calidade, que dea resposta ás demandas que se lle formulan e que sexa xerador de oportunidades, crítico, transformador e inclusivo. Pensamos que un dos camiños máis directos para conseguilo non é outro que a colaboración entre a Escola e a Educación SocialDeputación Provincial de Ourens

    Similar works